Turismo

Exemplares de Asturias e Galicia no concurso de mellor galo piñeiro celebrado no Pino


• A tradición da festa de interese turístico e a mostra cabalar atrae a miles de veciños e visitantes
• Ovidio Rodeiro sinala no pregón que a aposta do Concello axudou a recuperar unha raza que funde as súas raíces na época celta
• O pregoeiro destaca que esta iniciativa e o Camiño ofrecen novas oportunidades de negocio á veciñanza
• Lara Paredes, de Moaña, e Germán Neira, do Corgo, presentaron os mellores exemplares vivos de galiña e galo piñeiro.
• Unhas 1.300 persoas asistiron ao xantar popular e esgotáronse os 400 quilos da degustación gratuíta


Milleiros de persoas, entre veciños, peregrinos e visitantes, desafiaron hoxe as altas temperaturas para gozar cunha das exaltacións gastronómicas de referencia en Galicia: a Festa do Galo Piñeiro, unha iniciativa do Concello do Pino que, segundo o pregoeiro Ovidio Rodeiro, permitiu recuperar unha raza autóctona que funde as súas raíces na época celta. Uns 60 exemplares de galiñas e galos piñeiros vivos de toda Galicia e tamén de Asturias participaron no concurso que, desde que se iniciou a festa, axudou a que esta especie estea presente hoxe cada vez en máis concellos e “represente, xunto co Camiño de Santiago, unha nova oportunidade de negocio para a veciñanza”, como sinalou o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña.

Poñendo en valor a “aposta persoal do alcalde Manuel Taboada” no ano 1999, cando comezou a exaltación gastronómica do galo piñeiro, Ovidio Rodeiro recordou que hoxe a Consellería de Medio Rural conta con programas de promoción e protección das razas autóctonas en perigo de extinción, no que colaboran diferentes entidades e asociacións. “Entre todos conseguimos que non se perdan razas seculares da nosa terra en favor doutras foráneas de maior produción, e logramos que a vaca cachena, o porco celta, a galiña de Mos ou o galo Piñeiro non desaparezan das nosas granxas”, indicou Rodeiro.

Precisamente para promocionar esta especie e axudar a recuperar a raza, na Festa do Galo Piñeiro organiza todos os anos unha feira de galos e galiñas vivas e un concurso dotado con 550 euros, no que hoxe participaron 60 exemplares procedentes de diferentes concellos das provincias da Coruña, Lugo, Pontevedra e Asturias. Os gañadores deste ano chegaron de fora do Pino. Así, na de galo piñeiro os gañadores foron Lara Paredes Álvarez, de Domaio (Moaña), que recibeu 125 euros. O segundo premio foi para O Corgo (Lugo) a mans de Miguel Neira López (75 euros), e o terceiro quedou no Pino, na granxa de Lucas Magadán Martínez, da Salceda, O Pino (30 euros).

O mesmo ocorreu na categoría de galiñas piñeiras, que estivo dotado cos memos premios en metálico. Gañou o veciño do Corgo (Lugo), Germán Neira Arias; segundo quedou a moañesa Lara Paredes e, como terceiro repiteu Lucas Magadán.

Na categoría de galo de corral gañou Benjamín Camiño Blanco (de Negreira) e segunda quedou Carmen Álvarez Rosales, de Chapela (Redondela).

Ovidio Rodeiro recordou no seu pregón que hai lendas que vinculan aos galos e galiñas co Camiño de Santiago, que hoxe tamén conviven no Pino, última etapa do Camiño Francés a Compostela. Rodeiro recordou que o “impulso que dende a Xunta de Galicia, sobre todo a partir do Xacobeo de 1993, significou un pulo considerable para os pobos” que están na veira da ruta, como e o caso do Pino. “Un Camiño que, xunto coa boa xestión municipal, fai que hoxe O Pino sexa un concello vivo, en expansión, que atrae a novos veciños e veciñas e a novas oportunidades de negocio”, afirmou Rodeiro.




Xantar popular e degustación

Antes do pregón, as autoridades fixeron un percorrido pola X Feira Celta e o mercado, que esta fin de semana foi visitado por numerosas persoas, e puideron participar na degustación gratuíta de galiña e galo piñeiro, que esgotou as existencias, a pesares de que se reservaron 400 quilos de produto.

Ao igual que en anos anteriores, as entradas para participar no xantar popular acabaron esgotándose. Foron máis de 1.300 as persoas que degustaron empanada, polbo e, como non, galo piñeiro con patacas un menú elaborado polo restaurante A Magdalena de Castrofeito.




Mostra Cabalar e enganche de carruaxes

E mentres uns participaban na feira celta ou na feira de galos vivos, outros admiraban os centos de cabalos e égoas que participaron nos diferentes concursos da Mostra Cabalar, que durante todo o día se disputaron nos arredores da praza de Forcarei.

Este ano, como novidade, celebrouse no Pino a quinta proba puntuable para o Campionato Galego de Enganches de Carruaxes, que o propio Manuel Taboada e, Moncho Vázquez, representante da Federación Galega, aseguraron seguirá celebrándose no Pino coincidindo coa festa. Os gañadores en categoría limonera foron Diego Souto, Enrique Sierra e Emiliano González. En categoría tronco os mellores foron Carlos Otero e Manuel Mistal; e na categoría libre Tamara Abilleira e Cristina Corder levaron os primeiros premios.

Pola tarde, o espectáculo ‘Duende Ecuestre’ congregou a centros de afeccionados.


Autoridades asistentes

Entre autoridades asistentes a esta XVIII Festa do Galo Piñeiro, ademais do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, atopábanse o alcalde de Dodro, e os tenentes de alcaldes de Frades e Touro, así como representantes da Federación Galega de Hípica.



As aves rapaces, os artesáns e o mercado, principais atractivos da Feira Celta do Pino



• Pequenos e maiores sorprendidos coas exhibicións de voo dos voitres e aguias, ás que moitos ofrecen as súas mans para pousarse

• Moitos visitantes interesáronse polo cuñado de moedas medievais e por coñecer a utilidade dos cornos

• Mañá celébrase a Festa do Galo Piñeiro e a Mostra Cabalar, que congregará a milleiros de persoas



O voo das aves rapaces, entre as que había aguias e voitres, é un dos espectáculo que esperta máis admiración entre os visitantes da Feira Celta do Pino, que hoxe celebra a segunda xornada. Ata o punto de que moitos deles, sobre todos o máis novos, anímanse a coller o guante para que as aves se pousen nas súas mans.

A presenza de veciños e visitantes e constante na praza de Forcarei para contemplar os diferentes postos de artesanía e o traballo dalgúns dos artesáns presentes na Feira Celta. O ferreiro é un dos que xera maior expectación, sobre todo cando se pon a acuñar moedas medievais, ou cravos e outras figuras que, pese ao forte calor, fai en directo despois de poñer o ferro incandescente na súa forxa.

As tecedeiras de lá, elaborando diferentes pezas nun dos postos, ou ovellas en outro, tamén chama a atención de moitos visitantes, así como o traballo dos carpinteiros e do posto de tallado de cornos. Moitos peregrinos páranse a preguntar para que se utilizan estes típicos instrumentos celtas que, nuns casos, úsanse como instrumento sonoro e, noutros, como contedor de diferentes bebidas.

Unha das que máis traballo tivo dende que empezou a Feira Celta foi Alicia, a maga da compañía Kaskabella, á que se achegaron moitas nenas e nenos dispostos a escoitar os seus contacontos, xogar cos monicreques ou quedar sorprendidos cos seus xogos de maxia.

E entre os paseos das ocas, dos dromedarios e dos burros, que volven estar presentes na Feira Celta do Pino, outros dos animais que causaron sensacións contraditorias entre os visitantes son as dúas serpentes que pasearon pola feira os profesionais de El Batán, unha boa constritor que os acompaña dende hai 20 anos e unha pitón tigrina albino. Algunhas persoas animáronse a tocarlles, sobre todo a xente nova, mentres outros afastábanse destes animais.

Os músicos do grupo Rapax son os encargados de animar a feira coa súa música, percorrendo tamén a rúa do mercado, no que os visitantes atopan diferentes postos de artesanía con todo tipo de produtos, dende xoias ata sombreiros, produtos aromáticos, monecos ou diferentes alimentos.

Unha ampla oferta para que todos os que se acheguen este fin de semana ata a capital do Pino poidan gozar cun amplo programa de actividades. E para repoñer forzas, dous postos de comida no propio mercado.




Mañá, día grande coa Festa do Galo Piñeiro

Hoxe pola noite o espectáculo Quimera, no que a compañía de novo circo de Pablo Méndez mestura acrobacias, luz e música, servirá de aperitivo para o día grande da XIX Festa do Galo Piñeiro, que mañá, domingo, reunirá a milleiros de persoas en Pedrouzo.

Ademais de continuar o mercado e as diferentes exhibicións da Feira Celta, ás dez da mañá abrirase ao público a feira de galos e galiñas vivas de raza piñeira, na que se agardan máis de 30 parellas para competir polos premios aos mellores exemplares desta raza autóctona.

E a mesma hora (10.00), no recinto habilitado preto da praza de Forcarei, empezarán tamén as diferentes probas de exhibicións da Mostra Cabalar, na que participarán decenas de equinos, xinetes e propietarios que optan aos case 4.000 euros en premios.

Dúas exhibicións daranlle un realce especial a esta mostra. Ás 12.00 celébrase, por primeira vez no Pino, unha proba do Campionato Galego de Enganches de Carruaxes, e, ás 18.30 horas, está previsto que empece o espectáculo Duende Ecuestre con diferentes exhibicións e mostras de habilidade. Como todos os anos outorgarase o Premio Especial Faísca ao mellor animal de pura raza española nado e criado e criado en Galicia, que, ademais, servirá para promocionar a mostra do ano que ven, xunto á do mellor galo piñeiro.



E, en paralelo, ao mediodía os xigantes e cabezudos da Asociación Cultural Espanada Gaiteiros e Cabezudos percorrerán as rúas de Pedrouzo e do mercado celta, á unha haberá unha degustación gratuíta de galo piñeiro nos postos habilitados para elo e, ás dúas, antes da entrega de premios, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, lerá o pregón desta XIX Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar.

Aqueles que desexen participar mañá, domingo, na comida popular, deberán retirar as correspondentes invitacións no stand que o Concello ten habilitado na Feira Celta, a un prezo de 20 euros por comensal.

O Concello de O Pino organiza a XIX Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar e a X Feira Celta, e conta co apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Agadic (Axencia Galega das Insutrias Culturais), Abanca e da empresa Balcone, que se encarga da coordinación da Feira Celta.

Podes ver o album de fotos da Feira Celta no Facebook do Concello, neste enlace.

O Pino engalánase para gozar coa Festa do Galo Piñeiro, mostra cabalar, Feira Celta e moita maxia



• O espectáculo ‘Quimera’, a noite do sábado, e os xigantes e cabezudos do domingo, novidades deste ano

• O mago Antón ofrece cinco sesións do seu espectáculo e haberá cinco exhibicións de voo de aves rapaces

• Degustación gratuíta o domingo e pregón a cargo de Ovidio Rodeiro, delegado da Xunta na Coruña

• O Concello reparte 4.500 euros en premios nos concursos da mostra cabalar e os mellores exemplares de galos vivos

A maxia dos artesáns, que conservan vivos antigos oficios, a do mago Antón, a dos xinetes que participan no espectáculo Duende Ecuestre ou esa visión da natureza que entrelaza soños e mitoloxía no espectáculo Quimera convivirán esta fin de semana no Pino coa Feira Celta, a mostra cabalar e a exaltación do Galo Piñeiro, que permitiu recuperar unha raza autóctona grazas ao traballo de moitos veciños. Para gozar cun amplo e variado programa as rúas de Pedrouzo estanse a engalanar para que milleiros de persoas poidan gozar dende o venres pola tarde ata o domingo. Pódese consultar o programa completo e de cada un dos eventos nos documentos adxuntos.

O venres, as seis da tarde, abrirase o mercado da Feira Celta na praza de Forcarei. Musica, contacontos, paseo de ocas ou a exhibición de voo das aves rapaces (haberá cinco ata o domingo) son algúns dos atractivos desta primeira xornada, que se pechará cun espectáculo de lume ao anoitecer. As ocas percorrerán o mercado celta o sábado as once da mañá, para iniciar unha xornada con todo tipo de actividades: pasarrúas musical, títeres, recreación de oficios, contacontos durante toda a xornada. Cando se poña o sol, na praza do Concello, unha visión máxica da natureza, na que os soños e a mitoloxía mestúranse e calquera ilusión poderá converterse en realizade durante a representación de Quimera. Este espectáculo de novo circo a cargo da compañía Pablo Méndez é unha das novidades do programa da Feira Celta este ano no Pino. A linguaxe musical e acrobática dos actores farán gozar ao público ata o final. O domingo, día grande da festa, os protagonistas serán os galos e galiñas piñeiras e os cabalos. A feira de galos vivos congregará dende ás 10.00 aos mellores exemplares da comarca. Unha iniciativa que permitiu recuperar unha raza autóctona e que hoxe supón unha reforzo para a economía de moitas familias. O Concello repartirá 550 euros en premios nesta feira.

E mentres a feira celta continúa co seu programa, preto da praza de Forcarei serán moitos os afeccionados e criadores de cabalos os que participarán no diferentes concursos da mostra cabalar durante todo o día, para os que o Concello destina 3.900 euros en premios. As 12.00 celebrarase a proba do campionato galego de enganches de carruaxes, e ás 18.30 está previsto o espectáculo Duende Ecuestre, no que se poderán contemplar exhibicións de fantasía andaluza, baile flamenco, garrocha, carrusell, doma de alta escola en rendas longas ou doma vaquera, entre outros.


Degustación, xigantes, cabezudos e o mago Antón

E mentres uns percorren os postos de artesanía ou asisten aos espectáculos ecuestres, outros poderán gozar e sorprenderse cos xigantes e cabezudos da Asociación Cultural Espanada Gaiteiros e Cabezudos, que dende as 12.00 percorrerán as rúas de Pedrouzo e tamén a Feira Celta, ata que ás 13.00 dé comezo a degustación gratuíta de galo piñeiro nos postos habilitados.

O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, será o encargado de ler este ano o pregón, sobre as dúas da tarde, antes da entrega de premios aos gañadores da feira de galos e galiñas de raza piñeira, e do xantar popular.

Na sobremesa, ás 17.00 horas, o mago Antón ofrecerá o primeiro dos cinco espectáculos previstos. Será no escenario do seu propio camión, aparcado preto da praza de Forcarei. As sesións repetiranse ás seis, sete, oito e nove da tarde, para un máximo del 70 persoas en cada pase. Os que desexen asistir deberán retirar a invitación na carpa do Concello dende as 14.00 horas.

Este intenso fin de semana rematará coa entrega dos premios aos gañadores da mostra cabalar, prevista para ás oito, e coa actuación de Xilo e Carlos, que poñerán a música de fin de festa.

A XIX Festa do Galo de Corral e Mostra Cabalar e a X Feira Celta está organizada polo Concello do Pino en colaboración coa empresa Balconet e conta co apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Abanca.

O alcalde entrega os premios do concurso de tapas 'Camiñando e tapeando'



O alcalde do Pino, Manuel Taboada, entregou hoxe os premios do concurso de tapas "Camiñando e Tapeando", no que participaron oito locais de hostalería durante a fin de semana do Entroido (do 09 ao 11 de febreiro).

O Restaurante Bello gañou o primeiro premio coa súa tapa Fusión de pulpo. Obdulia Bello e Paula García, a cociñeira, recolleron a placa conmemorativa e os 300 euros cos que estaba dotado o galardón. O segundo posto foi para o Restaurante Acivro, pola súa tapa Tosta de bacallau ao pil-pil de mazá. A placa e os 150 euros deste premio foron recollidos por Elena Pérez.

O concurso incluía o sorteo de dous premios entre os comensais, que recaeron en Víctor Blanco Santos (unha fin de semana nunha casa de turismo rural) e en Roberto Carnota Sánchez (unha comida para dúas persoas). Neste segundo concurso de tapas participaron oito locais de hostalería e un total de 810 persoas degustaron a oferta gastronómica, das que 408 foron mulleres.

Por orde de puntuación, a clasificación dos restaurantes participantes foi a seguinte: Bello, Acivro, parrillada Andaina, Casal da Calma, parrillada O Toxo, café bar Rúa Nova, bar Cabaleiros e café bar Casqueiro. Cada un deles presentou dúas tapas a concurso.

Máis fotos no Facebook do Concello.

XVIII Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar


Adjuntos:
ArchivoDescripciónTamaño
Descargar este adjunto (XVIII-FESTA-DO-GALO.pdf)Folleto XVIII Festa do Galo Piñeiro e mostra cabalar - Feira Celta 1016 Kb

ENTROIDO 2017 XIX CONCURSO DE DISFRACES

Publicamos as bases para poder participar no XIX Concurso de Disfraces que se levará a cabo o 26 de febreiro a partir das 16:30 horas na Praza do Concello.

ENTROIDO 2017 XIX CONCURSO DE DISFRACES

I.- Poden participar todas as persoas que acudan disfrazadas o día do concurso.

II.- Os participantes deberán anotarse na Praza do Concello o mesmo día do concurso pola tarde, a partir das 16:30 horas.

III.- O concurso terá lugar o domingo día 26 de febreiro a partir das 17:30 horas na Praza do Concello (Arca).

IV.- Outorgarase premios polas seguintes categorías:

CATEGORIAS 1º PREMIO 2º PREMIO

INFANTIL 100€ 75€

MAIS ORIXINAL 100€

INDIVIDUAL 100€

PARELLA 125€

GRUPO 150€

CARROZA 200€

COMPARSA 350€

Nota: Todos os rapaces/as de ata 12 anos terán un agasallo se van disfrazados/as, figuran inscritos no concurso e soben ao escenario desfilando co disfraz.

V.- As comparsas terán que ter polo menos 10 membros para poder participar e representarán todos un mesmo motivo.

VI.- O grupo terá como mínimo 3 persoas e máximo 9 para poder participar e representarán todos/as un mesmo motivo.

VII.- As carrozas serán como mínimo de 4 persoas representando algún tema enriba dun móbil ( carro, tractor, etc…) e terán que estar todos os compoñentes (agás o condutor) enriba del.

VIII.- Durante o desenvolvemento do desfile, o xurado valorará:

Comparsas e grupos:

- Vestiario e maquillaxe (traballo feito a man e emprego de materiais de refugallo): 1 a 4 puntos.

- Orixinalidade: 1 a 3 puntos

- Organización e traballo en equipo: 1 a 3 puntos

- Involucrar ao público(Sorrisos, aplausos, etc...): 1 a 5 puntos.

Disfraces individuais (infantís e adultos)

- Orixinalidade do vestiario (traballo feito a man e emprego de materiais de refugallo): 1 a 4 puntos.

- Maquillaxe: 1 a 2 puntos.

- Involucrar ao público(Sorrisos, aplausos, etc...): 1 a 5 puntos.

IX.- A selección dos gañadores realizarase a proposta dun xurado composto por persoal alleo ao Concello de O Pino.

Adjuntos:
ArchivoDescripciónTamaño
Descargar este adjunto (BASES_CONCURSO entroido 2017.pdf)BASES_CONCURSO entroido 2017.pdf 89 Kb

XVII Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar

Descargar Tríptico: aquí


Adjuntos:
ArchivoDescripciónTamaño
Descargar este adjunto (XVII_Festa_Galo_Piñeiro_Mostra _Cabalar.pdf)XVII_Festa_Galo_Piñeiro_Mostra _Cabalar.pdf 3269 Kb

Vai de Auga

O Concello de O Pino vendo a gran acollida que ten este programa de Vai de Auga en anos anteriores, informa de unha nova convocatoria para o mes de maio de 5 sesións no Balneario de Cuntis cun prezo de 70€ todo incluido.

Saída esta prevista para as 16:30 horas todos os mércores desde a Praza do Concello e de regreso aproximado ás 20:30 horas ao mesmo lugar.

Para anotarse chamar ao: 981511065 ou por correo electrónico a informació Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla ou Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla  

Data límite de inscrición ata o día 29 de abril.


Adjuntos:
ArchivoDescripciónTamaño
Descargar este adjunto (VAI_DE_AUGA.pdf)VAI DE AUGA 259 Kb

XVI Festa do GALO PIÑEIRO E MOSTRA CABALAR 2015

No próximo fin de semana do 1 e 2 de Agosto 2015 celebrarase no Concello do Pino a XVI Festa do GALO PIÑEIRO e a MOSTRA CABALAR cun Espectáculo Ecueste.


O Sábado 1 tamén se celebrará a VII Feira Celta.

Descarga o programa aquí




Adjuntos:
ArchivoDescripciónTamaño
Descargar este adjunto (DESPLEGABLE_2015.pdf)DESPLEGABLE_2015.pdf 12084 Kb

VII FEIRA CELTA - 1 e 2 agosto

Descarga o PDF aquí



Adjuntos:
ArchivoDescripciónTamaño
Descargar este adjunto (CARTEL FERIA CELTA 2015 DEF-1.pdf)CARTEL FERIA CELTA 2015 DEF-1.pdf 3745 Kb
Estás en Noticias Turismo

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y ofrecerle una mejor experiencia en la web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información. Para ver más información sobre las cookies haz clik aquí.

Aceptas las cookies de nuestra web.

EU Cookie Directive Module Information