uérome dirixir a vostede. Á persoa que agora mesmo sostén esta publicación nas súas mans e que posiblemente seguirá a pasar páxinas para saber qué se agocha nelas. E quero roubarlle uns minutos do seu tempo para dicirlle que éste é un auténtico tesouro, pero deses que se levan no corazón. Aquí debuxadas están historias, anacos de vivencias de veciños nosos, detalles deses que emocionan, que fan rir e incluso ás veces chorar.
Ésta é a pequena e modesta homenaxe que o Concello de O Pino quere facer a todos aqueles que apostan pola literatura, pola creación e que tomaron parte no I Certame das Letras Galegas posto en marcha o ano pasado. Xunto a este libro vostede ten as bases da segunda convocatoria desta iniciativa. Pretendemos dar a coñecer o que é capaz de facer sobre papel a xente que nos rodea. Persoas con moito que dar que decidiron permitir que todos nos asomemos a ese interior tan rico que teñen e poidamos agora ler iso que eles inventaron ou recolleron.
Para min, todos gañaron. E a eles-aínda que nalgún caso non fai falla-e a todos vostedes, sí lles diría que lesen as historias aquí recollidas. De seguro, e non me cabe a menor dúbida, van desfrutar delas como un servidor o fixo. Cando pechen a última folla coincidirán comigo en que talento hai e de sobra. Agora só faltan azos, oportunidades para difundir todo o que aquí se crea, e por suposto, comentarios ós autores, algo que sempre axuda (evidentemente, se son constructivos).
Xa o fixen, pero reitero o meu agradecemento e recoñecemento a tódolos que participaron, gañaran ou non, iso é o de menos. Noraboa, saco o chapeu. E anímoos tanto a eles coma a todos vostedes a tomar parte neste segundo certame. Quen sabe qué marabillosas estampas de palabras se nos poden presentar... que vostedes escriban ben. Agora, desfruten, con calma, da lectura.
|