| echen os ollos e agarden trinta segundos. Cando os volvan abrir de seguro que o mundo das novas tecnoloxías deu un novo paso. Despois de varios clicks está vostede lendo estas liñas que lles debuxo nas pantallas dos seus ordenadores. Están vostedes ante o resultado un elaborado e menticuloso proxecto do goberno que me honra presidir. Para nós a materialización desta páxina web ten dous obxectivos principais: achegarnos tanto nós coma o funcionamento do concello a todos vostedes, veciños e veciñas de O Pino, e ó mesmo tempo que sirva de plataforma de coñecemento deste fermoso e interesante municipio fóra das liñas que delimitan as nosas fronteiras.
Neste camiño invariablemente cara o futuro do século XXI, O Pino conta cunha carta de presentación onde están representados os sectores básicos: turismo, cultura, historia, patrimonio, servizos, documentos básicos...Desexo, pretendo e espero que esta ferramenta sexa unha referencia diaria para tódolos veciños. Un lugar onde localizar formularios que precisen para diferentes actividades, un espazo para consultar concursos ou actos municipais, un enclave onde viaxar pola historia para saber algo máis do lugar onde vivimos, un foro onde enviarnos ideas e suxerencias que poidamos poñer en marcha....etc. É este un lugar aberto, que continuamente actualizaremos. É un punto de partida. O resto do camiño podemos facelo xuntos. É cuestión de ter vontade e de expresarse libremente.
O Pino está a mudar de imaxe. Novas residencias, novas alternativas comerciais, novos veciños, novas inquedanzas. Novas tecnoloxías. Esta páxina que arestora vostedes consultan irá complementada con outra serie de iniciativas que pouco a pouco se irán convertindo en realidade, para seguir axilizando e facendo máis cercana a administración pública e para potenciar outras áreas, sobre todo as relacionadas co turismo e a cultura.
Sexan benvidos a este virtual paseo por O Pino. Se son vostedes veciños/as, lembren que paseos reais son moito máis interesantes e no concello hai moito por descubrir; nesta mesma páxina figuran algunhas ideas. Se son vostedes visitantes, quedan convidados simplemente a descubrirnos. Unha vez que cae un na tentación, sempre volve repetir.Os argumentos son básicos: natureza, historia, servizos e sobre todo, tranquilidade. Así nos presentamos. O Pino, antesala de Compostela, camiño de futuro, camiño do encantamento a través da Ruta Xacobea, camiño de ilusións.
Desfruten da súa estancia nesta páxina web.
Reciban un saúdo.
|