|
Patrimonio
 |
| Torque (San Lourenzo - Pastor) |
O mapa patrimonial do Pino trazase en base a interesantes legados históricos que configuran un atractivo paseo en pleno século XXI polas obras que decidiron deixarnos os nosos devanceiros. Terra de castros, o enclave máis destacado e do que máis conservamos a día de hoxe é o localizado na parroquia de San Lourenzo de Pastor, cerca do lugar de Lameiro. Falamos dun recinto ovalado de 110 metros de lonxitude no seu eixo maior e de 72 no menor. Conserva parte das súas defensas e no recinto acháronse restos de cerámica sen decorar, así como dous torques de ouro de 22 quilates e 350 gramos de peso. Están no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, na Coruña.
Non demasiado lonxe, en Santa María de Gonzar, o viaxeiro chega ó coñecido como Campo das Mamoíñas. Estamos perante unha colección de pequenos túmulos que forman círculos. Se continuamos cara a Santiago de Compostela, a próxima parada é, na parroquia do Pino (que comparte nome co municipio), A Ponte Puñide.
 |
| Ponte Romana (Ponte Puñide) |
Neste lugar atópase unha ponte romana en perfecto estado de conservación, un dos maiores tesouros arqueolóxicos do concello. Encóntrase situada sobre o río Mera e segundo os historiadores, é posible que no lugar existise un asentamento romano, dada a proximidade da vía militar de Braga a Astorga por Iria Flavia e á localización de varios restos da época. No ano 1912 localizáronse varias pezas, a máis importante un Modium de bronce. Sobre él realizáronse diversos estudos, entre eles os asinados por Martínez e Salazar e o Padre García Romero, publicados no Boletín da Real Academia Galega. O “modium” era unha medida romana que usaban os habitantes con carácter oficial. Os datos indican que o localizado no Pino non se corresponde coas dimensións do modium romano coñecido, o que nos leva á posibilidade de que fose unha medida local adaptada á romana. Segundo a inscrición que posúe este Modium de bronce, os expertos ubícano temporalmente entre os anos 360 e 370.
Arte e Fe
 |
| Igrexa Sta. María de Gonzar |
No capítulo relixioso, O Pino conta con trece igrexas: Santa Baia de Arca, Santa María de Budiño, Santa María de Castrofeito, San Xiao de Cebreiro, San Miguel de Cerceda, San Verísimo de Ferreiros, San Mamede de Ferreiros, Santa María de Gonzar, San Xiao en Lardeiros, San Estevo de Medín, San Vicenzo do Pino, San Lourenzo de Pastor e San Miguel de Pereira.
A elas sumanse catro ermidas: A Madalena (Castrofeito), Santiso (Castrofeito), Santa Irea (Arca) e Santo Andrés (Gonzar).
A coñecida como Catedral da Montaña é a Igrexa de Lardeiros. Maxestuosa na súa ubicación, en terras de Montaña, tal e como describiu o poeta Aurelio Ribalta, a paisaxe do Pino, conta no seu exterior cun dos cruceiros máis interesantes do concello. É unha das mostras máis significativas da extraordinaria habilidade artística dos canteiros galegos.
 |
| Cruceiro (San Xulián de Lardeiros) |
O cruceiro sufriu varias restauracións, pero conserva boa parte dos seus curiosos e interesantes elementos orixinarios. Creouse aproximadamente ó redor do ano 1700.Nel danse a man dúas correntes artísticas tan diferentes como o Neoclásico e o Barroco. O seu pedestal está adornado por unha longa inscrición. O fuste e o capitel están cincelados segundo as correntes estilísticas que imperaban na época, destacando os planos rectos e xeométricos que presidían as obras neoclásicas que saían do seu berce compostelán para deixar a súa pegada en terras pretas, como O Pino. A cruz representa a parte barroca da obra. Nela esculpiuse unha piedade co fillo morto nos brazos e o crucifixo moi separado da cruz.
O pasado déixase entrever tamén nunhas interesantes ruinas pendentes de estudo arqueolóxico. Encóntranse na parroquia de Cebreiro e moi cerca do enclave coñecido como a Carballeira do Vinte (escenario nos seus tempos dunha concorrida feira e tamén improvisado plató de cine para o filme Divinas Palabras). Neste lugar existiu a primeira igrexa parroquial, da que se conserva parte da estructura exterior. Mención especial merecen os dous arcos centrais, que aínda se conservan en bo estado.
 |
| Ermida de Santa Irea (Arca) |
Polo que respecta ás ermidas, unha das máis singulares é a de Santa Irea, na parroquia de Arca. Conta a lenda que a auga da súa fonte se recollía para as hortas, co fin de acabar coa presenza de pestes que puidesen acabar coas colleitas. Ó parecer, esta mesma santa cura ós nenos dos seus males e tamén ós que choran demasiado, ó pasaren debaixo da súa imaxe na capela. A súa festividad celébrase o 29 de xuño, nunha romaría que tradicionalmente realizan os mozos solteiros
Nesta fonte antes citada existía unha imaxe de Santa Irea que databa do ano 1692. Estaba realizada en granito do país, de grao mediano e medía 0’60 metros. Esculpida estaba unha túnica folgada, con cinto de coiro (tal e como se establecía naquel momento) e un manto con diversos pregues. Posuía unha coroa e na man dereita leva unha palma alta. Foi roubada no mes de febreiro do ano 1989.
 |
| Cruceiro (San Xulián de Lardeiros) |
A capela da Madalena está ubicada nunha ampla zona verde que comparte o seu nome co da ermida. Conta tamén cunha fonte visitada por numerosas persoas todos os 22 de xullo, día no que se celebra a festividade da Madalena. Na msma parroquia, en Castrofeito, localizamos tamén a máis modesta capela de Santiso, do que se di é bo facedor para que os animais produzan máis leite. Ademais da capela de Santo Andrés, na parroquia de Gonzar, contan as crónicas que existía unha quinta capela, en Arca. Achábase na actual Carballeira de Santo Antón, por onde discorre o Camiño de Santiago. O templo desapareceu no século XVII por mor dun incendio. Estaba dedicado a Santo Antonio.
Legado Foráneo
A emigración foi tamén unha constante no concello do Pino durante a primeira metade do século XIX. Foron moitas as familias que viron como un fillo, padre, madre, neto...maleta en man, encamiñaba os seus pasos, océano de por medio, a terras latinoamericanas. Tres destinos principais: Cuba, Uruguai e Bos Aires. No recordo de tantas e tantas persoas, unha constante: o seu lugar de orie. De aí que unha das súas preocupacións, unha vez estabelecidos, fose a de intentar mellorar a calidade de vida dos seus familiares e veciños.
Grazas a esas arelas, hoxe chegannos algúns testemuñoss patrimoniais. Obras que se realizaron en virtude das xenerosas aportacións que naquela época se rexistraron. Un dos casos máis emblemáticos é a escola construída por Francisco García Naveiro na parroquia do Pino. De comezos do século XX é tamén unha fermosa fonte, próxima ó centro educativo. Está dedicada ó pai de Francisco García, Antonio García e ten unha imaxe de Santo Antonio. Non moi lonxe alzase, maxestuoso o Pazo do Marqués de Monte Sacro.
Destaca tamén a escola que un grupo de persoas coas súas aportacións levantaron na parroquia de Castrofeito. Os impulsores foron os irmáns Ramón e José Beis Sada. O edificio data do ano 1929. Localízase moi preto da estrada que se dirixe de Santiago a Curtis (apenas un par de quilómetros tras deixar atrás a rotonda do aeroporto de Lavacolla).
TORQUES DE SAN LOURENZO DE PASTOR
Parece ser que a palabra torques procede do latín “torquere”, que significaba torcer ou retorcer ou ben de “torque” que era unha corda torcida. Son elementos utilizados por gran parte dos pobos que ocuparon Europa antes da dominación romana. En cada rexión tiñan as súas propias características, tanto en forma e decoración como en valor e uso.
No castro de San Lourenzo de Pastor acháronse tres torques de ouro. É un recinto de forma elíptica posiblemente, aínda que difícil de determinar ante as inclemencias do paso do tempo. O seu eixo maior (en dirección norte-sur) mide 110 metros, e o seu eixo menor (en dirección leste-oeste) 72 metros. No seu momento o castro contou con estructuras defensivas xa que a súa ubicación, nunca chaira carente de toda defensa natural, obrigou á súa construción. Contaba cun muro exterior de terra e pedras que descendía na súa cara interna cara a un foxo que o separaba da defensa interior e que nalgúns puntos chegaba a alcanzar os 15 metros de ancho. A súa máxima profundidade foi de 3’4 metros.
Terminado o foxo, levantábase un segundo muro, que ascendía en pronunciado terraplén, alcanzando a súa maior cota 2 metros de ancho. Descendía logo cara a parte interior do recinto. No recinto recolléronse pequenos fragmentos de cerámica sen decoración, de aspecto atípico.
Un dos torques de ouro achados, analizado por Bouza Brey, consistía nunha peza de ouro de 22 quilates, 370 gramos de peso e unha longitude de 350 mm. Consta dunha balea de sección romboidal sen decorado ningún agás un dobre círculo de 1mm. de diámetro cun punto central, estampado dúas veces. Este arqueólogo interprétao como unha marca de taller. Naquela época, entre os veciños desta zona, circulaban varias lendas sobre o castro. Unha delas dicía que no lugar había enterradas unha mina de alcatrán e outra de ouro. Outro dos rumores populares facía referencia ó feito de petar fortemente o chan dunha leria limítrofe polo lado sur, que ó pareceres soaría a oco. Teoricamente este sería o lugar polo que os mouros, habitantes do castro, levarían os seus mulos a abeberar.
O segundo torques achado en Pastor atopouno un labrador de forma casual. Presenta a forma dun C aberto acusado, ten 188 mm. de separación entre ambos remates. A súa lonxitude total pola parte externa é de 410 mm. É de ouro de 24 quilates e o seu peso alcanza os 464 gramos. Como decoración, os remates contan con cinco circunferencias concéntricas en relevo localizadas na laminilla central e arredor un círculo tamén resaltado. A balea é unha peza maciza, de sección circular, con aumento de grosor a medida que se aproxima ó centro. Chega ós 12 mm. no seu máximo diámetro. Está cuberto nos terzos inferiores por un arame enrolado ó redor do corpo. A unión faise introducindo o remate na espiral, sen empregar soldadura.
Segundo os expertos, a peza manifesta algunhas diferenzas no que respecta á tipoloxía dos torques catalogados. A forma dos remates aproxímase a outros torques como os de Foxados, Melide e Marzán. Polo que respecta á balea, pola súa decoración de arames enrolados nos seus terzos inferiores, enlaza directamente con torques como o de Viladonga, un dos localizados en Cangas de Onís, Langreo ou Valedouro. Tendo en conta a clasificación que realiza L. Monteagudo, o torques de Pastor estaría nos denominados tipo ártabro. É dicir, presenta lisa a parte central da balea, flanqueada por dous espirais de fío, que poden aparecer imitadas por plaquiñas e círculos concéntricos; as outras dúas partes da balea aparecen cubertas, como indicamos, con arame enrolado e remates en perilla. De todas maneiras, existen pequenos detalles na súa configuración que indican que se trata dun estilo mixto.
En canto ó terceiro torques, mide de longo 40 centímetros, pesa 304’20 gramos e o seu ouro é de lei de 20 quilates. Está formado por una balea circular, que mide 10 milímetros na súa parte máis grosa, que diminúe ós lados até ter 8. En ambos extremos ten enrolados arames grosos que terminan na súa parte superior en dous aplicacións de arame fino, formando espirais con pequenas esferas nos seus centros e unidas entre si, pero non con arame do mesmo grosor senón formando unha tira aplanada. Como remates ten perillas de 25 milímetros de longo por 20 de ancho, coas puntas cortadas. A súa conservación é excelente.
-
BIBLIOGRAFÍA:
- El castro de San Lourenzo de Pastor y su nuevo torques áureo. Fernando Acuña Castroviejo, Manuel Carlos García Martínez y José Manuel González Reboredo
- Torques castreños de alambres enrollados. L. Monteagudo. Archivo Español de Arqueología, t. XXV, núm. 86, 1952.
- El toques de S. Lorenzo de Pastor, en el Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, t. I, núm. 2, abril de 1942.
- El tesoro de Elviña y tres torques coruñeses. Trabajos de Prehistoria 36 (p.213-246), 1979. José María Luengo.
- El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia. Diputación Provincial de Lugo, 1996
|
Personaxes Históricas
A ESPIRITADA DE GONZAR
Misterio, relixión e historia mestúranse ó redor da figura de Josefa de Torre. Para moitos unha santa e para algúns un caso científico. Para todos, unha persoa de interese. As crónicas din que estivo corenta anos sen comer...

LUIS SEOANE,
RETORNO Á ORIXE
"Yo nací en Buenos Aires, pero mi padre pronto me mandó a estudiar a La Coruña. Esa era el ansia de todos los emigrantes. Que sus hijos fuesen educados en la tierra, que para eso ellos estaban trabajando fuera..."

XESÚS CANABAL FUENTES
Ó parecer, no seu despacho de Ipusa, Xesús Canabal tiña as estanterías cheas de libros galegos, nlas paredes cadros de artistas galegos... ...Na súa mesa descansaban os sobres fabricados pola súa próspera empresa, xunto a un debuxo da Catedral e da Cruz de Santiago...

Personaxes Actuais
BLANCO PAMPÍN,
JOSÉ MARÍA
Naceu o 27 de marzo de 1971. É o actual director da Banda de Música de Arca...

CASTRO RODRÍGUEZ,
XAVIER
Naceu o 27 de agosto de 1962 na Salceda, Ferreiros. É profesor no Instituto Virxe do Mar, en Noia...

CÓLERA LEIRADO,
JOSÉ RAMÓN
Fillo predilecto do Pino. Naceu 8 de decembro de 1940. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Ciencias Políticas en Madrid...

LÓPEZ TABOADA,
JOSÉ ANTONIO
Naceu o 9 de decembro de 1940 na parroquia de Pastor. É profesor e director do departamento da Universidade de Santiago. Estudos: Historia Económica e Teoloxía. Entre as distincións recibidas figura o Premio da Crítica...

MARIÑO FERRO,
XOSÉ RAMÓN
Este escritor naceu en Castrofeito no ano 1950. É profesor titular de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela...

RÚA BARCIA,
ESTRELA
Estrela Rúa, recoñecida pintora galega, naceu en Arca en 1961. Docente de profesión, Estrela conta xa cun importante currículum...

RENDO RODRÍGUEZ,
MARÍA OBDULIA
Responsábel do albergue de peregrinos de Arca desde 1993. Naceu en Arca en setimbro de 1950...

TOVAR MARTÍNEZ,
JOSÉ LUIS
Naceu en Vilachá, parroquia de Pereira, no ano 1935. Dedicou a súa vida laboral ó maxisterio...

VÁZQUEZ PENA,
FERNANDO
Fernando Vázquez naceu o 24 de outubro de 1954 en Castrofeito.Os seus primeiros pasos como adestrador de fútbol deunos no ano 1986 no modesto Lalín pontevedrés...

VEIGA GARCÍA,
PACO
Nace na Órrea-Riotorto (Lugo) o 8 de agosto de 1961, aínda que reside en Arca desde hai anos. É profesor, pedagogo e docente de ensinanza secundaria...

VILASECO
José Luis Vázquez Vázquez, pintor coñecido artisticamente como Vilaseco, naceu o 25 de decembro de 1936 en Vilaseco, Lardeiros...

|