 |
| Tramo do Camiño de Santiago ó seu paso por "A Rúa " |
Con Arzúa ás costas do camiñante, comenza o percorrido na parroquia de San Breixo, en Ferreiros. A toma de contacto prodúcese entre vivendas e explotacións gandeiras, unha constante ó longo desta viaxe que marca a Vía Láctea. O camiño vai xogando con quen o segue, con múltiples recovecos e estampas únicas en beleza, todas tinxidas de verde na súa ampla gama cromática e de tons terra. Imos camiñando por lugares como Calzada, Calle ou Boavista. Precisamente na Calle está un dos elementos máis chamativos para os romeiros que posúe a Ruta Xacobea ó seu paso polo Pino. Trátase dun hórreo sobre o Camiño, a modo de orixinal arco. Imaxe identificativa da ruta, é un punto onde a arquitectura se adapta á tradición e preséntanos unha curiosa estampa
Agochados entre a vexetación, atopamos detalles que fan referencia ó culto xacobeo. Os míticos montóns de pedras, o solitario par de deportivos de bronce que recordan a figura de Guillerme Watt, peregrino belga que faleceu tan pronto como chegou a Compostela, ou incluso o paso doutros camiñantes con pequenos altares naturais improvisados en calquera estante natural. Xunto a eles, caprichos da natureza como unha árbore situada cerca dunha fonte e que presenta ocos iguais nas súas dúas caras.
 |
| Cruceiro de San Breixo de Ferreiros |
Xa desde San Breixo de Ferreiros, o Camiño mantén un constante zigzag co actual trazado da estrada nacional 547. Paso tras paso o camiñante alcanza o núcleo da Salceda. Sucédense de novo panorámicas vegetais conxugadas de forma harmoniosa coas construccións que se distribúen nesta zona do concello. No horizonte prevese un inminente cambio no discorrer da Ruta Xacobea.
Encamiñámonos cara ó Xen, situado a 400 metros de altura. Aquí cruzamos varias veces a estrdaa para iniciar un descenso que nos adentra na parroquia de San Miguel de Cerceda.
Multitude de puntos ós que o camiñante dirixe a mirada. Continúa a ruta con sucesivos recovecos naturais, en pleno descenso, paraxes rurais que conviven con novas construccións e que dan fe do papel revitalizador do Camiño Francés. Existen en San Miguel de Cerceda tamén fotos únicas dunha ruta ancestral, intercultural, máxica.
A derradeira parada de San Miguel de Cerceda é, tras un pequeno descanso nunha curiosa área situada a man esquerda camiño de Compostela, é O Empalme. Desde esta encrucillada, que enlaza co veciño concello de Touro, o romeiro inicia outro descenso.
 |
| Capela de Santa Irea |
Estamos ás portas de Santa Irea, a escasos metros da citada encrucillada. No horizonte Arca, pero antes, un dos elementos arquitectónicos máis importantes do patrimonio municipal. Trátase da ermida de Santa Irea, acompañada por unha fonte con augas supostamente con poderes curativos. Segundo a lenda, neste lugar foi sacrificada a santa que dá nome ó enclave.
É unha edificación relixiosa sinxela, que atesoura no seu interior un interesante retablo e as imaxes, entre outros, de San Pedro e Santa Irea. Data da Idade Media e foi realizada gracias á doazón dunha parella de nobres que residían cerca, na coñecida antigamente como Aldea das Dúas Casas, hoxe tamén un dos puntos polos que discorre o camiño francés. Na parte inferior da capela está a mencionada fonte, onde antano existía unha fermosa imaxe de Santa Irea, que foi roubada. Na zona superior do templo, cruzando unha antiga estrada, atopamos un impresionante carballal, escenario cada 29 de xuño —San Pedro— dunha multitudinaria romaría.
 |
| Albergue de Santa Irea |
De volta ó Camiño, é tamén en Santa Irea, á carón da nacional 547, onde encontramos o primeiro dos albergues do Pino. Ubícase no inmoble que nos seus tempos fixo as funcións de casa consistorial. Conta moi cerca cunha coidada área de descanso para os peregrinos que pouco a pouco se acercan a Compostela.
A continuación, de novo sendeiros baixo o tranquilo e relaxante manto da natureza. O son do silencio, parafraseando a Simon&Garfunkel, volve a ser o rei. Cruzando de novo a estrada, pasamos por diante dun serradoiro e tras debuxar de novo os nosos pasos en fermosas sendas naturais, chegamos á antes citada A Rúa. Á nosa dereita, unha histórica fonte. O núcleo remóntase á Idade Media e segundo as crónicas, acolleu hai séculos un inmoble que facía as veces de hospital para peregrinos e de rudimentario albergue.
A liña do horizonte a determina o perfil do Pedrouzo, núcleo principal de Arca, parroquia na que nos encontramos desde hai varios quilómetros, concretamente desde que abandonamos O Empalme. Sempre en descenso, cruzamos un pequeno regato, e de noo sae ó noso encontro a estrada. Aquí existen dúas opcións: unha, camiñar un metros máis arriba pola propia estrada, coa estación de servizo á nosa esquerda e descansar no Albergue de Arca, ou, dous, continuar de fronte, desde O Burgo, que é o nome de onde está o camiñante, para seguir a ruta. O albergue, inaugurado no ano 1993, ten capacidade para máis dun centenar de persoas. Dispón de cociña, salón con cheminea, lavandería, cabalerizas e un agradable pórtico.
A Ruta Xacobea desde O Burgo atópase delimitada de novo por árbores e arbustos. Liña verde para desembocar no Colexio Público Camiño de Santiago e que continúa, pasos despois, noutro bosque onde, segundo a historia, houbo varios castros. Son enclaves que recordan en certa medida ós xa vistos en San Breixo ou en Santa Irea. Salvo que nesta ocasión cara a onde imos é cara ó núcleo coñecido como Santo Antón.
Neste punto existía, hai séculos, unha capela que foi destruída por un incendio e da que toma o seu nome a aldea, que tamén pertence a Arca. Longa é a travesía a través deste sereno bosque. Pasos que deixan a estrada á súa dereita e coidadas e harmoniosas construccións nas inmediacións da ruta. Estamos xa en San Miguel de Pereira, en Amenal. O ascenso agora é xa constante até o contorno do aeroporto de Lavacolla. Este é un dos tramos máis concorridos da ruta a través do concello do Pino. En Cimadevila prodúcese o derradeiro cruzamento de estrada do municipio, para dar paso a un estreito sendeiro en plena subida. A súa meta, a citada terminal que delimita a fin do Pino e o incio das terras compostelás. Camiño de Santiago...
|

|