Turismo

Area de Recreo de Lardeiros
 

O Pino, o Encanto Do Natural

x

Ponte Romana

Apliquemos a imaxinación: aire fresco, olor a chuvia, silencio, un manto verde ó noso redor, exquisita gastronomía, unha acolledora veciñanza... todo aderezado con certas perlas arquitectónicas e os indispensables elementos da vida moderna ó alcance da man. Abran os ollos: están no concello do Pino. A cita, xusto á carón da mítica Compostela. E como lazo de unión o sempre histórico e atraínte Camiño de Santiago, nos seus derradeiros pasos cara á cidade do Apóstolo.

O mito do paraíso por descubrir, deses famosos paraísos perdidos... podería aplicarse en parte a este municipio. O concello convírtese, paso a paso, en punto de referencia para aqueles que buscan tranquilidade e calidade de vida.

É a tarxeta de presentación dun concello en expansión, cunha importante industria hoteleira e hosteleira, con moito que dicir en canto a aloxamentos nas zonas rurais, e co aval dos miles de peregrinos que pasan cada ano polas súas sendas coa mirada posta xa na súa meta: Compostela. Antes, déixense seducir polo Pino. É o encanto do natural. ¿Gustan?

E se lles parece pouco, sigan lendo...

 

Comarca de Arzúa

A comarca de Arzúa está composta polos concellos de O Pino, Arzúa, Boimorto e Touro. Sitúase ó sureste da provincia da Coruña e ten unha superficie total de 485’23  quilómetros cadrados. A poboación achégase ós vinte mil habitantes, repartidos en 66 parroquias. En materia natural, pola comarca discorren as concas dos ríos Tambre (limítrofe ó norte) e o Ulla, ó sur.

De relevo moi suave, a altitude oscila entre os 200 e os 500 metros. A excepción é o Coto das Avieiras, en Boimorto, que chega a 773 metros de altitude. Polo que respecta ó clima, é oceánico e caracterízase pola suavidade térmica, cunha temperatura media anual de 11ºC e precipitacións abundantes que superan os 1.550 mm anuais.

É a de Arzúa unha comarca de paso, de camiños, xa que transcorren por ela o do  Norte e o Francés, e de historia: encuentra o visitante  pazos, restos de castros, vestixios da época medieval... etc. Aparecen debuxadas no horizonte instantáneas de paraxes naturais mesturadas de forma harmoniosa con hórreos, muíños, fontes, igrexas, casas labregas... Aderezando o día a día están as romarías e festas tradicionais así como as citas culturais que se suceden nos concellos deste núcleo.

A economía da comarca está cambiando pouco a pouco a color gandeira que caracterizaba a esta zona desde hai décadas. O sector servizos e industrias como a da madeira ou o turismo rural configúranse en pilares básicos do capítulo económico. Aínda así, o produto máis emblemático segue sendo o afamado Queixo Arzúa-Ulloa.

Camiños a Santiago

O Camiño de Santiago é un elemento universal. Unión de culturas, de fe, de esperanza, de diversidade. O primeiro itinerario europeo de devoción, declarado ademais Patrimonio da Humanidade. A comarca de Arzúa acolle as últimas etapas ata a cidade do Apóstolo. De feito, O Pino é o municipio que máis quilómetros posúe desta milenaria ruta. Dezaoito discorren por varias parroquias do concello.O Camiño Francés cruza Arzúa e O Pino, mentres que o do Norte percorre Boimorto, Arzúa e parte de O Pino.

Na comarca de Arzúa o peregrino atópase con algún dos albergues máis fermosos de toda a Ruta Xacobea. Entre eles o de Ribadiso ou o de Arca, os dous enmarcados nun cadro conformado por unha exquisita beleza natural e conxugando elementos arquitectónicos populares con todas as comodidades para dar repouso ó esgotado e ilusionado camiñante.
 
REPOÑER FORZAS

Como xa indicamos anteriormente, a comarca de Arzúa ten un produto que a identifica: o queixo da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa (recoñecemento que posúe desde o ano 1995). De feito, xa o Madoz recollía que en Arzúa se elaboraban exquisitos queixos e se criaba gando con especialidade no vacún. Na comarca tamén se elabora Queixo Tetilla.

O queixo de Arzúa é un queixo de leite de vaca, de pasta branda, con forma lenticular e cunha maduración mínima de seis días. Hai na mesma denominación outros dous tipos de queixo Arzúa-Ulloa, o de Granxa e o Curado. Son queixos feitos de un modo que se transmitiu de xeración en xeración entre os gandeiros da zona. Aa coñecida Festa do Queixo (Arzúa) celébrase na vila cada primeiro domingo de cada mes de marzo e está declarada de interese turístico.

 

webmaster@concellodeopino.com

Mapa Web

consellos para a navegación