Tradicións

Superficie dunha antiga prancha de mallar

 

Sega e “Malla”, Historia en Presente

As páxinas da historia cóntannos que unha das actividades agrícolas con maior compoñente festivo en Galicia eran as tradicionais mallas. Traballo de horas que contaba coa presenza de toda a familia, veciños, amigos... reunidos na maoría dos casos baixo un sol de xustiza para levar a cabo a separación da palla do gran, para despois moer este no muíño.

En O Pino, a Asociación Cultural Reviravolta recuperou no ano 2003 unha xornada de confraternidade na que se recrea a malla. Previamente, un par de semanas antes, un amplo grupo de veciños da parroquia de Lardeiros, baixo a atenta mirada de numerosos visitantes, realizan a sega do plantado meses atrás. A malla ten varias fases e materialízase grazas á enerxía e bo facer dos integrantes da citada agrupación cultural, asesorados polos que ben recordan este laborioso e agora atraínte labor.

Basicamente, a malla, que soía realizarse na coñecida como eira, comeza tras ter xa o resultado da sega colocado nunha capa coñecida como meda. Os malladores, antes de existir máquinas modernas para tal fin, situábanse por pares, un fronte ó outro. Cando os dun lado baixaban o mallo (un pao con elementos de ferro na punta), os contrarios subíano, e así sucesivamente.

Unha vez mallado o trigo (cebada, centeo... etc) retírase a palla e fanse monllos ou feixes. Estes, atados cunha corda de palla improvisada, amontóanse configurando o tradicional palleiro.

En canto ó gran, recollíase en cestos e levábase á limpadora, a máquina que retira a casca e deixa o trigo totalmente limpo. Hai moitos anos, este proceso de limpiado se realizaba deixando caer o gran desde alto para que o vento levara as impurezas.

limpiadora As limpadoras teñen un sitio por onde botar o gran. Un mecanismo que se acciona cunha manivela que move unhas pezas que producen o aire preciso para levar as impurezas ó exterior, mentres o gran pasa por unha criba nas que se deposita o que queda, para definitivamente saír por debaixo da máquina só gran.

É tradicional que cando o proceso da malla termina se reúnan todos os participantes nunha improvisada comida, aderezada coa música dos emblemáticos gaiteiros, que non faltan nesta de O Pino. A cita, sempre no mes de agosto. Un compromiso coa identidade, e coa historia. Sobre todo a escrita en clave de futuro.

 

webmaster@concellodeopino.com

Mapa Web

consellos para a navegación